Ángel Stanich regresará a Pontevedra o 27 de febreiro para actuar no Teatro Principal
Por Alejandro Espiño
Logo do seu éxito na pasada edición do Surfing the Lérez, o músico máis singular e descoñecido do panorama indie, volve a Pontevedra. Ángel Stanich actuará no Teatro Principal o próximo 27 de febreiro para presentar o seu primeiro disco, Camino ácido.
Con tan só este álbum, o EP Cuatro truenos cayeron e single dixital, este ermitán do pop conseguiu abarrotar todo tipo de salas e festivais provocando auténticos karaokes co seu Carbura, Mezcalito ou Metralleta Joe, xenuínos hits alternativos do indie nacional máis recente.
Ángel Stanich naceu en Santander, estudou en Valladolid, onde Javier Vielba (Corizonas, Arizona Baby) produciu o seu álbum e reside en Madrid. Ten 28 anos, cabeleira e barba hirsuta e un anormal talento como guionista de sedutoras cancións onde os vaivéns cotiáns deveñen en surrealismo perverso.
É, sen dúbida, un músico á marxe. Desde logo, un dos máis singulares dos últimos anos. Non se parece a nada circundante e é dono dunha desas voces únicas que non deixa indiferente a quen o escoita. Todo isto converteuno, en moi pouco tempo, nese tipo raro do que todo o mundo fala. Un home recluso centrado na súa bohemia e as súas cancións.
Escorregadizo, politicamente incorrecto, misterioso... son algúns dos diagnósticos mediáticos que xera o seu desbordante e inusual enxeño arroupado de mordacidade certeira e unha fondura emocional impropia da súa idade que o converten en todo un feliz achado.
Máis de 200 concertos en apenas ano e medio avalan a súa traxectoria, desde os seus primeiros pasos enchendo bares el só coa súa acústica ata arrasando co demoledor directo da súa banda en nos principais festivais do país.
As entradas para este concerto poñeranse á venda en breve.
Relacionadas:
-
Ángel Stanich, o primeiro 'son diverso' do novo ciclo musical de Pontevedra
Por Redacción & Diego Torrado |
-
Chega 'Sons Diversos' con Ángel Stanich, Calum, Nada Surf, Guadi Galego e Immaculate Fools
Por Alejandro Espiño |
-
Igloo, Novedades Carminha, Querido Extraño e Thee Blind Crows, ao Surfing the Lerez o 18 de xuño
Por Alejandro Espiño |