Comeza o Ciclo de butaca musical
Por Redacción
Cinco concertos no Teatro Principal e catro no Pazo da Cultura. As actuacións do Ciclo de Butaca promovidas e protagonizadas pola Banda de Música de Pontevedra repartiranse entre os dous escenarios ata o 26 de maio.
Esta noite, Ravel será o protagonista co seu clásico Bolero. Juan Lois Diéguez dirixe este concerto ao igual que fará o 7 de febreiro co concerto do 60 aniversario no que participa o cuarteto de saxos Tempo Primo e o 28 de febreiro a homenaxe a Roque Baños, autor de música de películas de Alatriste e 800 balas.
O 14 de marzo, o rexente titular da Banda Filharmónica de Río de Janeiro, Antonio Henrique Seixas será o director invitado. E o 7 de abril, os convidados serán os membros da Banda Municipal de Silleda na última actuación no Principal dentro do Ciclo de Butacas.
Antes, o 21 de marzo, a Banda participará no Salón do Libro co concerto As Pombas de Carboeiro. O 21 de abril, a Banda estará acompañada por Perkuka, o 12 de maio o protagonismo será para un artista internacional de renome Michel Godard acompañada pola Keep in touch tuba project. O ciclo pecharase coa Zarzuela galega A lenda de Montelongo de Bernardo del Río, o único dos espectáculos que será de pagamento co prezo das entradas a cinco euros.
Todos os concertos ata abril serán ás nove da noite. A partir de abril o horario das actuacións será ás sete da tarde.