A Hora do Conto chega con Pico Pico Mazarico ao Pazo da Cultura
Por Redacción
O Pazo da Cultura volve converterse no centro de actividades dos máis pequenos da casa coa proposta de animación á lectura A Hora do Conto dirixida a menores con idades comprendidas entre 4 e 12 anos de idade. Trátase dunha proposta organizada pola Concellería de Cultura e coordinada polo grupo Pavís Pavós.
As actividades inícianse este sábado 24 de outubro e prolongaranse ata o mes de maio en horario de 12.00 a 13.30 horas. trátase dunha iniciativa que, segundo o Concello, conta cunha gran demanda e nesta ocasión participarán un total de corenta escolares.
Este ano, a actividade leva por título Pico Pico Mazarico e o obxectivo que busca é achegar aos nenos ao mundo da lectura a través dos contos.
Este sábado comezará a formalización da matrícula ás 12.00 horas e a partir das 12.30 horas os asistentes terán a oportunidade de compartir auténticas historias que contarán os membros da agrupación organizadora e desenvolveranse xogos con refráns, adiviñas, cancións e elaborarán receitas de cociña.