Un ciclo sobre arquitectura e cine abrirá a nova etapa do Cineclube Pontevedra
Por Redacción
O Cineclube Pontevedra inicia unha nova etapa. E faino, a partir deste martes 6 de outubro cun ciclo de proxeccións que se desenvolverá na Casa das Campás.
Cunha nova directiva á fronte, encabezada por Ramón Poza, buscarán incrementar a oferta cinematográfica da cidade e, ao mesmo tempo, aumentar o número de socios da entidade para garantir a súa supervivencia.
Esta andaina comezará co ciclo Cinema e arquitectura: cidade, disparate e revolta, que como o seu nome revela incluirá producións audiovisuais que xiran arredor da arquitectura.
A primeira cita será o día 6 de outubro, ás 20.15 horas, e nela proxectaranse catro curtametraxes rodadas nos anos 1978 e 1979 por Juan Sebastián Bollaín: Sevilla tuvo que ser, Sevilla en tres niveles, La ciudad es el recuerdo e La Alameda.
O martes 13 de outubro ás oito da tarde será a quenda dos documentais Manuel Gallego. Polo territorio da arquitectura, de Pablo Gallego Picard; e Josep Lluis Sert. Un sueño nómada, de Pablo Bujosa Rodríguez; mentres que a semana seguinte, o martes 20, de novo ás 20.15 horas, proxectarase as curtas sobre Ficción inmobiliaria realizadas polo Colectivo Left Hand Rotation.
O ciclo pecharase o martes 20 de outubro ás 20.00 horas coa película No-Res. Vida i mort d’un spai en tres actes do director Xavier Artigas.