Alumnos da Escola Técnica de Xoiería do Atlántico expoñen os seus traballos en Pontevedra
Por Redacción
A Escola Técnica de Xoiería do Atlántico, en colaboración coa Deputación de Pontevedra, exporá as xoias realizadas polos seus alumnos na sede do Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico, situada na rúa Pai Amoedo 1.
2004-2014, 10 anos de Xoias de Autor no Atlántico amosa máis dun cento de pezas de noveis creadores e deseñadores consolidados, nas que prima a creatividade sobre o material, e nas que se valora o concepto e a estética do autor. Pezas nas que se imprime o carácter e sensibilidade de cada artista.
Moitas destas xoias presentadas foron Premios Nacionais ou Internacionais en multitude de eventos aos que creadores “Atlántico” se presentaron en países como Letonia, Italia, Grecia, Portugal ou España.
Pode considerarse unha exposición única en toda a Península Ibérica que permite percorrer a través das xoias a estética de cada época histórica.
A mostra inaugurarase o vindeiro xoves 23 de xullo. O acto contará coa presenza de deseñadores da Asociación Española de Deseñadores e Creativos de Xoiaría e ourivaría “Xoia de Autor” así como de creadores formados en Galicia e noutras comunidades.
2004-2014, 10 anos de Xoias de Autor no Atlántico poderase visitar ata finais de mes en horario de 10.00 a 14.00 horas.