Fenómeno cavernícola en Afundación
Por Diego Torrado
Nancho Novo e apenas media ducia de mobles de pedra. Son os ingredientes base que este sábado deron lugar a unha nova noite de diversión teatral na sede de Afundación en Pontevedra. O actor galego representaba El cavernícola, o monólogo máis representado da historia de Broadway e un 'non stop' de risas para o público asistente.
As diferenzas entre homes e mulleres, a forma en que ambos os dous afrontan a vida cotiá e as relacións de parella e as similitudes que seguen existindo na actualidade cos vínculos afectivos que tiñan os antepasados cavernícolas son algúns dos temas abordados por Nancho Novo dende o seu sofá-pedra.
Cualificada por The New York Times como un "fenómeno único", El cavernícola foi escrita polo actor californiano Rob Becker durante máis de tres anos nos que realizou estudos informais de antropoloxía, prehistoria, psicoloxía, socioloxía e mitoloxía. Cos seus particulares percepcións sobre o feminismo contemporáneo, a sensibilidade masculina e as zonas eróxenas, a obra achégase aos temas cotiáns das relacións de parella cun gran sentido do humor.