Testemuña fotográfica dunha Pontevedra pola que o "pasado nunca pasa"
Por Redacción & Diego Torrado
Preto de 2.000 fotografías que retratan a vida da Pontevedra da segunda metade do século XX cun apartado especial dedicado a dar testemuño gráfico de coñecidas familias pontevedresas que achegaron fotografías persoais para a publicación. ÿ o contido do libro que este domingo se presentou na cidade do libro cun título que non podería ser máis descritivo do que o lector se encontrará ao pasar as súas páxinas, O pasado nunca pasa. Pontevedra.
Para presentar esta obra coa que Teófilo Ediciones se marca o reto de mostrar o antes nunca visto de Pontevedra, a súa evolución urbanística, social ou económica, non podía faltar un personaxe que os responsables da edición consideran clave para facer posibles a publicación, o ex párroco de Santa María, Jaime Vaamonde, e outro, de ficción, pero co que se quería levar ao escenario a unha desas "pontevedresas de toda a vida", interpretada pola actriz Me a Casal.
Sobre un escenario ambientado nos lugares máis emblemáticos da capital pasaron o historiador Xosé Fortes; o seu fillo, o xornalista Xabier Fortes, ou o escritor Alfredo Conde. Pero o acto foi algo máis que a presentación formal dun libro. Actuacións musicais da cantante Rosa Leiro e a Coral Polifónica e os bailes de Adrián Esperón e Patricia Martínez puxeron a banda sonora a unha Pontevedra do pasado.
O prólogo do presidente do Goberno, Mariano Rajoy, foi un dos aspectos do libro que máis interese espertou. Nel relata, a xeito de resumo do que o lector se poderá encontrar en O pasado nunca pasa. Pontevedra, os seus veráns en Sanxenxo, Pontevedra ou Vilagarcía, nos que nunca faltaban "Los Brincos, Los Bravos, Los Beatles... rayábamos lso discos de tanto ponerlos y escucharlos".
O deporte, o ensino, os touros, as actividades de verán, as festas populares e tradicións e, sobre todo, as xentes de Pontevedra. Son os protagonistas dun volume no que aparecen retratados outros pontevedreses inesquecibles do século XX como John Balan, o coñecido personaxe de María la del carrillo ou artistas do talle de Manuel Quiroga, Carlos Sobrino, Cuña Novás, García Alén ou Filgueira Valverde.
Esta obra na que tamén colaboraron, entre outros, o alcalde de Pontevedra Miguel Anxo Fernández Lores, ou o ex presidente do Liceo Casino José Ángel Fernández Arruty, non só chama á nostalxia daqueles vellos tempos da cidade, senón que foi concibida tamén con fins solidarios.
Xunto ao outro libro presentado ao mesmo tempo no Centro Social de Novacaixagalicia, 50 años Basílica de Santa Maria la Mayor, dedicará parte da recadación a Cáritas e a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer de Pontevedra. A súa presentación converteuse no acto social e cultural do Nadal en Pontevedra, cun auditorio abarrotado.