Pontevedra, eixe central dun circuíto cultural que permitirá a bandas emerxentes actuar por toda Galicia
Por Alejandro Espiño
A maior parte dos grupos emerxentes que hai en Galicia, especialmente aqueles que apostan por propostas musicais máis alternativas, teñen grandes dificultades para empezar a actuar nos circuítos comerciais e darse a coñecer por todo o país. Para paliar esta situación, dez concellos -todos eles gobernados polo BNG- decidiron crear unha rede cultural que apoie o traballo destas bandas.
Trátase de aproveitar o traballo que se vén realizando en todos estes municipios de apoio estes novos artistas, coordinando os esforzos e os locais de ensaio e salas que hai á súa disposición para que estas bandas poidan xirar por toda Galicia e adopten unha disciplina de traballo máis profesional. E sobre todo que non lles custe diñeiro desprazarse e que cobren polas súas actuacións, tanto os músicos coma os técnicos que os acompañen.
Nesta rede cultural participan inicialmente Pontevedra, Poio, Carballo, Tomiño, Rianxo, Allariz, Cariño, Ribadeo, San Sadurniño e Carnota, pero segundo avanzan os seus responsables está aberto á incorporación dos municipios que así o desexen. Este é un "paso adiante", segundo Miguel Anxo Fernández Lores, para "coller experiencia e avanzar nesta liña" ante a gran cantidade de bandas que tratan de abrirse camiño no noso país.
Na firma do convenio polo que crea este novo circuíto cultural participou tamén o voceiro nacional do BNG, Xavier Vence, que destacou que os concellos gobernados pola súa formación están a facer un esforzo "importante" á hora de dignificar a creación artística e "aproveitar" esa enerxía da xuventude galega para crear unha "cultura de base".
Fronte a unha Xunta que, denunciou, está "a estrangular" todo tipo de iniciativas relacionadas coa cultura, Vence celebrou o traballo que estes municipios realizan para "crear país" co impulso deste circuíto que promoverá a música que se realiza en Galicia. Espera que, con esta rede, cada vez haxa máis cidadáns que poidan gozar "do que se está a crear polo país adiante".
A intención dos organizadores deste circuíto musical é que os concertos se poidan empezar a celebrar o próximo mes de setembro.