ÿltimos días para visitar "Múltiple. A arte do gravado de Picasso a Barceló" por onde pasaron xa case 3.000 persoas
Por Redacción
Case 3000 persoas visitaron xa no Café Moderno Afundación de Pontevedra a exposición "Múltiple. A arte do gravado de Picasso a Barceló", que se inaugurou o pasado 28 de xaneiro e que permanecerá aberta ata o 18 de abril.
Esta mostra, composta por 38 pezas gráficas seleccionadas entre os fondos da Colección de Arte de Afundación, permite ampliar coñecementos sobre a obra dalgúns dos mestres gravadores da arte española do século XX, entre os cales destacan tres grandes xenios internacionais da pintura que o foron tamén da arte da estampa: Salvador Dalí, Pablo Picasso e Joan Miró.
Como complemento á exposición, inclúese unha mostra dos materiais e utensilios que se empregan nos obradoiros profesionais de gravado nas catro técnicas principais: serigrafía, litografía, xilografía e gravado calcográfico. Entre eles atópanse unha pantalla de serigrafía, unha pedra litográfica, carborundum, pranchas de madeira gravadas, burís... cedidos pola Fundación CIEC, Centro Internacional de la Estampa Contemporánea.