Novacaixagalicia presenta "Forever Young", o novo de Tricicle, en Pontevedra
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
Tricicle volve a Pontevedra. O centro cultural de Novacaixagalicia en Pontevedra (rúa Augusto González Besada, 2) acollerá este venres 28 de setembro, ás 21:00 h, a representación do seu novo espectáculo, Forever Young, a súa peculiar versión da obra do autor suizo Erik Gedeon. A súa visita a Pontevedra enmárcase dentro da súa xira galega, que esta fin de semana, tamén os levará ás cidades de Vigo e A Coruña.
O argumento desta obra, en consonancia coa forma de entender a arte habitual en Tricicle, "fuxe de todo convencionalismo e cursilería", como eles mesmos recoñecen. Divertida e tenra, non se atopan nela excesos ou clixés, máis ben sempre ao contrario, trátase dunha comedia atractiva para todas as idades. Baséase na ilusión dun grupo de persoas xa anciás que, vivindo nunha residencia para vellas glorias do mundo do espectáculo, rememoran os seus anos mozos, resistíndose á idea de seren xa maiores.
Arroupados por un enxeñoso e habilidoso grupo de actores, entre os cales se encontra o galego Armando Pita, Tricicle presenta pois un futuro quizais non moi afastado para quen hoxe en día son artistas mozos de primeira fila.
Tricicle: case 25 anos de exitosa traxectoria
A traxectoria de Tricicle remóntase á época de estudantes de expresión corporal dos seus tres membros. Desde 1979, ano da súa estrea de forma oficial nos teatros, a sona desta agrupación non deixou de medrar tanto no panorama das artes escénicas catalás, como, por suposto, no das do resto de España. O humor xestual deste grupo permitiu que as súas propostas creativas conseguisen atravesar sempre as posibles barreiras comunicativas que, por veces, implican as linguas.
Porén, o caso de Forever Young resulta curioso, pois a descuberta deste espectáculo aconteceu en Oslo, nunha actuación en noruegués, idioma do que os propios membros de Tricicle declaran "non entender nin unha palabra". Logo de ver a obra unha noite, repetiron á seguinte, e, unha vez de volta en Barcelona, fixéronse cos dereitos da peza para poder adaptala ao público español.
As entradas para este espectáculo poden mercarse nos puntos de venda habituais de Novacaixagalicia, en www.servinova.com ou ben na billeteira telefónica no 902 504 500.