Onion Smile, un novo proxecto musical emerxe na escena cultural pontevedresa
Por Alejandro Espiño
A escena musical emerxente de Pontevedra non para de dar acollida a novos proxectos. Un dos máis recentes é Onion Smile, un grupo de pop-rock que acaba de publicar o seu primeiro EP, Know your onions. Trátase dun traballo que reúne unha selección de catro temas do seu repertorio, cancións que xa estiveron a interpretar con éxito nos seus primeiros concertos e que encontraron certo eco nas redes sociais.
Onion Smile, está integrado por catro mozos pontevedreses con experiencia noutros proxectos musicais -Roberto Benavides (voz e guitarra), Goyo Velasco (batería), Carlos Méndez (baixo e coros) e Erik Puccioni (guitarra)- que decidiron fundar unha nova banda e apostar por un estilo propio e diferente, no que priman a boa música e textos comprometidos coa realidade social, que lles toca vivir, cantados en inglés.
Cunhas influencias musicais moi variadas, son conscientes de que "aínda que te guste un estilo musical ou un grupo determinado e te creas influenciado por el, non quere dicir que a túa música soe a iso concretamente". ÿ innegable a influencia dos grupos escuros dos 80, The Cure, as guitarras sucias dos 90 e a onda alternativa dos 2000, con Interpol e compañía.
Como resultado, musicalmente navegan entre as melodías sinxelas do rock e os arranxos musicais crus, con tinguiduras escuras, con moita carga emocional máis alternativos. Rock alternativo, en definitiva.
Este primeiro EP que sacaron ao mercado, gravado en estudos de Pontevedra, está a obter un éxito notable. Unha das súas creacións, All I want is you, gañou un concurso dunha axencia de viaxes para acompañar a promoción do seu destino na Patagonia.
O grupo, que xa participou en espectáculos musicais, como os que organiza La Fábrica de Chocolate en Vigo, ten previsto o seu próximo concerto o sábado 14 de marzo na sala Salason de Cangas ás 22.00 horas, xunto ao grupo You dog.