Cancioneiro tradicional na nova cita coas actividades escolares de Afundación
Por Mónica Patxot
A Fundación Galicia Obra Social (Afundación) presentará este martes 24 de febreiro, e o mércores 25, a obra de teatro para escolares Na percura do tesouro no Auditorio. Haberá dúas funcións diarias, ás 10:00 e mais ás 12:00 h, ás que asistirán un total de 1.975 escolares procedentes de 32 centros educativos de Pontevedra e arredores.
A obra, que adapta para os nenos o cancioneiro tradicional galego, será representada polos Gaiteiros da Xistra.
A actividade conta como Xurxo, o protagonista, non cría nas lendas dos mouros, pensaba que iso eran cousas de vellas... Aínda así, o neno si cría que aquelas marcas que había nas pedras do monte custodiadas pola gran serpe eran as pegadas dun mapa do tesouro. Acotío porfiaba en que máis tarde ou máis cedo o atoparía, e sabía que ao solpor algo misterioso acontecía, que ese era o mellor momento para descifrar os enigmas. Unha noite os cantos da moura espertárono, esas eran as claves e as probas que Xurxo debería superar.
A través deste conto infantil de misterio e lenda os pequenos aprenderán romances, o son das zanfonas, alalás, cantigas, refráns, e mais a coñeceren seres míticos do patrimonio lendario galego. O tesouro que todos con Xurxo atoparán: a lingua galega.