Música, cine e arte fusiónanse en Pontevedra da man de Michael Nyman
Por Alejandro Espiño
Pontevedra é a última parada española do ano para o compositor e pianista Michael Nyman. O Pazo da Cultura acollerá o vindeiro mércores 12 de decembro, ás 21.00 horas, a representación de Michael Nyman & Solo Cine Opera, un proxecto no que o artista londinense mestura música en directo coas súas propias vídeo creacións.
Nel poderemos gozar tanto da faceta de compositor e pianista de Michael Nyman, como da súa vertente menos coñecida como artista visual que veu desenvolvendo en paralelo durante máis de 20 anos
Trátase dun concerto moi íntimo cun programa que combina algúns dos temas máis coñecidos dos seus discos e bandas sonoras (El Piano, Gattaca, Ravenous...), así como algunhas das súas obras de videoarte englobadas baixo a denominación Cine Opera con música de piano composta especificamente para as imaxes, tratándose en moitos casos de creacións novas para o público español.
Michael Nyman (Londres, 1944) é, ademais de compositor, intérprete, director de orquestra, musicólogo e agora cineasta, e o seu traballo abarca óperas, cuartetos de corda e concertos orquestrais, aínda que é coñecido, sobre todo, polas bandas sonoras escritas para películas como El Piano ou o documental Man on Wire, así como en varias colaboracións para películas do director Peter Greenaway.
O británico, que se inspira frecuentemente en música antiga nas súas composicións, ten o seu propio conxunto, a Michael Nyman Band, fundada en 1976 e composta orixinariamente por instrumentos antigos como o rebec e a chirimía xunto a instrumentos modernos como o saxofón. En 2005 creou o seu propio selo discográfico, MN Records, co que editou obras instrumentais, óperas e bandas sonoras orixinais, así como re-edicións das súas máis celebres bandas sonoras.
As entradas para este concerto, que chega da man da promotora Esmerarte, teñen un prezo de 23,60 euros, pódense adquirir a través de Servinova, o despacho de billetes electrónico de Novacaixagalicia.