Unha mostra fotográfica visibiliza a violencia exercida contra mulleres con discapacidade
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
Bueu acolle dende este sábado a exposición Descubre a nosa realidade!, organizada pola Asociación de Mulleres con Discapacidade de Galicia (ACADAR), que reflicte a través dunha serie de fotografías situacións específicas de violencia exercida contra mulleres con discapacidade e que en moitas ocasións permanecen invisibilizadas para a sociedade.
Con estas imaxes preténdese contribuír ao seu empoderamento e facer públicas as súas experiencias e logros.
A mostra permanecerá na praza Massó de Bueu, a carón da Casa do Concello, ata o vindeiro de 25 de outubro. As persoas que se acheguen a visitala poderán coñecer as historias de mulleres reais, que foron retratadas co obxectivo de contribuír a dispor de modelos de referencia de mulleres con discapacidade empoderadas.
Todo o material fotográfico é inédito e pioneiro en Galicia, con autoría de Anxo Resúa Calo (Boiro, 1987) e Martín Pérez Fernández (Teo, 1991) e os versos que acompañan as imaxes son obra de Hadriana Ordóñez Otero (Rianxo, 1985).