Aberto o prazo para presentarse ao Certame 'Relatos de auga intelixente' de ViAQUA
Por Redacción
Os alumnos de ESO e de Bacharelato xa poden presentar presentar os seus relatos curtos ao I Certame Literario 'Relatos de auga intelixente' convocado por ViAQUA. Todos aqueles estudantes de centros educativos de municipios galegos nos que teña presenza esta marca como empresa concesionaria da xestión da auga poderán participar desta iniciativa.
O certame ten como obxectivo contribuír á difusión da cultura da auga implicando os mozos no seu uso sostible e no coidado do medio a través da literatura.
Os traballos poderán enviarse ata o próximo día 20 de decembro á dirección certamenliterario@viaqua-sa.es ou ben a través de correo ordinario a ViaQUA SAU, Rúa do Vilar, 18-15705, Santiago de Compostela, facendo nos dous casos referencia ao 'Certame Literario Relatos de Auga intelixente'. As bases poden consultarse na páxina web www.viaqua-sa.es.
Os participantes poderán presentar un máximo de dous relatos curtos inéditos en galego ou en castelán, cunha extensión que non superará as 200 palabras. A temática deberá centrarse na importancia da auga na sociedade e na vida, ademais de facer referencia ao uso responsable deste medio.
O fallo do xurado realizarase en xaneiro de 2015. A entrega de premios aos gañadores será durante a semana do 22 de marzo, coincidindo coa celebración do Día Mundial da Auga.