Indignación contra unha sala de Sanxenxo que interrumpiu un concerto de jazz en galego por non ser do seu gusto
Por Alejandro Espiño
A vocalista Mónica de Nut e o guitarrista Virxilio da Silva xamais podían imaxinar que o concerto que ían ofrecer o pasado 31 de xullo na sala Dux Sanxenxo ía xerar tanto balbordo. E todo porque os responsables do local decidiron interrompelo cando ambos os dous comezaban a interpretar a terceira das cancións do seu repertorio. Cortáronlles o son, alegando que o seu estilo de música non era acorde co ambiente do local.
A artista asegura que non é certo que a súa música non fose do agrado do público que se encontraba na sala. "O público estaba encantado, estáballe gustando, mesmo había xente que pasaba pola rúa, sentía curiosidade e ían entrar", lamenta. Pero xa non tiveron tempo. A pesar de que fora contratada expresamente para ofrecer un repertorio próximo ao jazz, xunto a Virxilio da Silva, non puido finalizar a súa actuación.
Tras baixar do escenario, foron a falar co encargado e este díxolles que non tocarán máis "porque houbera unha confusión na programación e non era do seu gusto a música", sinalou a Televisión de Galicia a propia Mónica de Nut, unha artista coñecida por mesturar de forma maxistral xéneros a priori tan diferentes como a ópera, o jazz, a música contemporánea e a música galega de raíz. Sorprendidos e avergonzados, decidiron recoller as súas cousas e marchar.
A indignación dos seguidores da artista viguesa, que se desprazaran ata Sanxenxo para gozar do concerto, xerou unha enorme ondada de críticas contra a sala a través das redes sociais. Tamén recibiu o respaldo de numerosos compañeiros de profesión. Nelas, moitos apuntaron que a verdadeira razón de que o concerto se interrompese é que a artista canta en galego.
Dende Dux Sanxenxo non quixeron facer aínda ningún tipo de valoración sobre o que aconteceu con este concerto.
Mónica de Nut e Virxilio da Silva, este último natural do propio Sanxenxo, estaban a presentar o disco Dos fíos invisibles chegan as cores (FreeCode Jazz Records), onde afondan na súa proposta de fusionar a música clásica, o folk, o jazz e o blues. Da Silva, formado no Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra, é xa un dos músicos de jazz de referencia dentro deste estilo en Galicia.
CLUB 1906 SUSPENDE TODOS OS SEUS CONCERTOS
A actuación de Mónica de Nut e Virxilio da Silva no Dux estaba organizada por Club 1906, unha marca vinculada con Estrela Galicia. Os seus responsables avalaron os dous artistas e avanzaron que non volverán programar concertos neste local de Sanxenxo. "Queremos mostrarlles todo o noso apoio. Lamentamos o episodio acaecido, do que Club 1906 é totalmente alleo", sinalaron a través do seu perfil de Facebook.
Aseguran que "seguiremos tendo a honra" de poder contar con ambos os dous artistas na programación musical que impulsan "gozando xuntos destes pequenos grandes momentos que sempre nos ofrecen e que non fan máis que reforzar o noso compromiso coa difusión do jazz e da cultura".
Neste sentido, Club 1906 decidiu suspender os outros dous concertos que ían celebrar en Dux Sanxenxo, en concreto as de Anxos Dorrio e de Coralie Yap-Chine Quartet. As tres actuacións serán reprogramados noutras salas, aínda que polo momento non teñen data.