O 'Proxecto Orquestral' do Conservatorio de Cangas regresa a Pontevedra catro anos despois
Por Alejandro Espiño
Catro anos despois do seu último concerto en Pontevedra, o 'Proxecto Orquestral' do Conservatorio e a Escola de Música de Cangas regresa ao Teatro Principal. Será cun concerto que se celebrará este sábado 21 de xuño, a partir das 21.00 horas. Nel reflectirase a filosofía deste colectivo, poñer en valor os músicos novos cunha orquestra que ten unha media de idade de 20 anos.
Segundo explicou o seu director, Alberto González Avilés, actuar en Pontevedra é un "privilexio" para esta formación "modesta, pero con moita ilusión". Este proxecto naceu no ano 2007 por iniciativa do alumnado e do profesorado do Conservatorio de Cangas e diferénciase doutras formacións similares en que todo o seu repertorio está feito exclusivamente para esta función, "ben con obras orixinais ou con arranxos de obras coñecidas".
Ano a ano tratan de superarse nestas creacións e dar a coñecer este proxecto musical en toda a bisbarra. En Pontevedra actuaron en 2009 e 2010, tamén no Teatro Principal. Contan xa con tres discos editados e un cuarto que acaban de gravar hai uns días. E todo iso coa característica de que son un conxunto "que vai renacendo e renovándose cada ano".
Actualmente forman parte desta orquestra uns 60 músicos. O máis novo deles ten tan só once anos. "Hai bastantes diferenza con seus compañeiros dende o punto de vista técnico, pero a súa ilusión e os arranxos que facemos permite que se desenvolva dunha forma sorprendente", segundo o seu director, que promete que os asistentes a este concerto "non sairán decepcionados".
Entre o repertorio que presentarán no Teatro Principal figuran obras tan coñecidas como as BSO de películas e pezas teatrais tan coñecidas como Memorias de África, Forrest Gump, O violinista no tellado ou O fantasma da ópera. Tamén haberá composicións orixinais ou toda unha suite sinfónica baseada na banda sonora de O príncipe de Exipto, con arranxos orixinais de Alberto González Avilés.
A entrada a este concerto é gratuíta ata completar o aforamento.