Chega a divertida percusión de Odaiko en 'Vaia circo...'
Por Redacción
O Centro Social da Fundación Novacaixagalicia en Pontevedra presentará o luns 17, martes 18 e mércores 19, en dúas quendas, ás 10.00 e ás 12.00 horas, a oportunidade de gozar dun dos espectáculos máis curiosos en que a percusión e a dramaturxia se complementan creando unha atmosfera máxica: Vaia circo...
O bo quefacer dos compoñentes de Odaiko Juan Collazo, Félix Rodríguez, Francisco Troncoso e Antonio Ocampo conseguirá que os case tres mil rapaces, procedentes de cincuenta centros escolares, que van asistir ás funcións teñan a lembranza dun espectáculo inesquecible.
Neste proxecto didáctico, Odaiko montará o seu propio circo percusionista en que os materiais musicais serán, ademais, os que utilicen para as súas acrobacias.
Baquetas voadoras, tambores usados como aparellos de circo, instrumentos manufacturados e música en directo serán os elementos que fagan deste circo un espectáculo para que o público esperte o enxeño e se achegue á realidade circopercutense.
O grupo mergúllase nesta nova proposta didáctica facendo fincapé nos tres elementos que sempre os caracterizaron como banda: o virtuosismo, o humor e a posta en escena.
Odaiko propón unha divertida escenificación en directo, chea de ritmos e sons da percusión, onde a imaxinación, a creatividade e a curiosidade polas distintas manifestacións artísticas son os puntos esenciais.