A Fundación Manolo Paz de Cambados ofrece na súa xornada anual unha homenaxe a David Barro
Por Redacción
A parroquia cambadesa de Castrelo acollía este venres 23 a IX Xornada da Fundación Manolo Paz. Unha convocatoria que se desenvolve anualmente por iniciativa deste escultor cambadés en recoñecemento ao legado dos creadores culturais e profesionais da cultura. Así todos os anos recoñécese o traballo dalgún deles e nesta ocasión correspondeu ao ferrolán David Barro.
Ata o lugar de Quintáns, onde se sitúa o espazo creativo e expositivo de Paz, acudía o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos; o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez; e o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López.
David Barro López é actualmente director do Museo de Arte Contemporánea de Palma. Acumula experiencia no deseño, comisariado de exposicións, editor, columnista, crítico de arte, ensaísta, profesor universitario e director artístico de eventos culturais. Desde 2017 dirixe a Fundación DIDAC, foi director da Fundación Luis Seoane, asesor da Fundación Barrié ou consultor estratéxico da Axencia Galega de Innovación.
O conselleiro López Campos destacou o traballo que realiza a Fundación Manolo Paz en beneficio da cultura e felicitou a decisión de homenaxear a David Barro cuxa traxectoria tamén encomiou. Nesta mesma liña incidía o presidente da Deputación recoñecendo "o excelente traballo que vén realizando a Fundación en favor do noso patrimonio histórico para facer da nosa provincia un polo desde o que exportar e importar a mellor arte".
Ademais do recoñecemento ao ferrolá a xornada tamén incluíu unha intervención artística a cargo do fotógrafo cambadés Adrián Baúlde e a música de Faia Díaz e Benjamín Otero. Os asistentes tamén puideron percorrer a exposición Mariscadoras que conta con pezas do escultor Manuel Paz.