Ana Cancela expón en Sanxenxo 'Espacios Liminales en mi Memoria', unha procura de novas formas de expresión
Por Redacción
A artista Ana Cancela, natural de Santiago, pero con residencia en Dorrón (Sanxenxo), expón ata o próximo 31 de agosto os seus últimos traballos no seu municipio de acollida. Trátase da exposición 'Espacios Liminales en mi Memoria'
A exposición acaba de inaugurarse no Círculo Cultural Deportivo Sanxenxo e, segundo recolle esta entidade nun comunicado, recolle o seu proxecto artístico actual, no que, en palabras da autora, busca "traballar na procura de novas formas de expresión".
"Os códigos visuais do universo galego, o seu mundo simbólico e o seu patrimonio cultural forman parte desta exposición", explica a artista sobre esta mostra, que propón unha experiencia visual na procura dun espazo fronteirizo entre os abstracto e o figurativo.
A súa obra evolucionou desde a figuración realista a un costumismo con chiscadelas do expresionismo.
Francisco Hernández, presidente do Círculo Cultural Deportivo de Sanxenxo, sinala que están "encantados" de que Ana Cancela forme parte dos espazos de exposición na Cultural, "cumprindo así co programa que nos propuxemos ao longo do ano para fortalecer e apoiar aos nosos artistas e, polo tanto, o rico patrimonio cultural galego".
Na obra de Cancela pódese apreciar o papel tan importante que xoga a memoria, así como o da aprendizaxe da pintura a través das imaxes almacenadas, facendo un percorrido inverso da abstracción á figuración.