'El diccionario', con Vicky Peña como María Moliner, chega a Pontevedra
Por Redacción
Pontevedra acolle este venres 7 de marzo a obra El diccionario, na que se repasa a traxectoria vital e profesional dunha das mulleres máis representativas da cultura en España no século XX, María Moliner.
O Centro Social de Novacaixagalicia de Pontevedra abre o pano para presentar esta peza protagonizada por Vicky Peña ás 20.30 horas.
A obra e a protagonista María Moliner, a académica da RAE sen cadeira, foi unha peza clave para comprender os progresos da lexicografía española da nosa historia máis recente. O seu interese por elaborar un dicionario actual, de uso, chamado a converterse nunha referencia imprescindible para a filoloxía é o fío argumental da obra deseñada por Manuel Calzada Pérez, quen aposta por combinar en escena esta fascinación polas palabras coa dureza dunha arterioesclerose cerebral que ía borrando, paseniño, as verbas das súas lembranzas.
A muller republicana, atea, bibliotecónoma e lexicógrafa aparece retratada baixo a dirección de José Carlos Plaza tanto no seu ámbito profesional coma no doméstico. A proeza que esta muller levou a termo nos anos sesenta do pasado século lévase á escena co propósito de renderlle outra merecida homenaxe por un traballo que reflicte, ademais, unha fonda sensibilidade lingüística e cultural.