O 'Pretérito imperfecto' da pintora Sonia Hernández pode visitarse no edificio da Xunta
Por Redacción
Sonia Hernández, unha artista madrileña afincada en Pontevedra, presenta dende o xoves 6 de marzo ata o 27 deste mes unha exposición no edificio administrativo da Xunta de Galicia en Pontevedra. A mostra leva por título 'Pretérito Imperfecto' e, segundo explica Sonia Hernández, "remite un pasado inconcluso que aínda se desliza ata o presente e que se encontra relacionado coa miña propia historia vital".
A artista emprega formas, manchas, xestos e cores como recursos expresivos para comunicar "o accidente da experiencia creativa, do tempo da propia pintura e da propia vida".
Sonia Hernández, licenciada en Belas Artes pola Universidade Complutense de Madrid dende 2011, formouse tamén en Deseño Gráfico e Dirección de Arte e en Arte Contemporánea.
A exposición permanecerá aberta ata o 27 de marzo en horario de 9 a 14 horas da mañá de luns a sábado. O edificio da Xunta acolle esta mostra despois da polémica relacionada coa exposición de fotografías de Sandra Dufayel, acusada de plaxio, e que foi finalmente clausurada.