Noela Covelo e Élise Moreau inician a súa 'Residencia Paraíso' no Pazo da Cultura
Por Redacción
O Pazo da Cultura de Pontevedra acolle, desde este luns 22 de xullo, unha residencia artística de Noela Covelo e Élise Moreau, dentro da oitava edición das Residencias Paraíso promovidas polo Colectivo RPM.
Ata o día 2 de agosto esta residencia artística permanecerá en Pontevedra. Titulada 'En esta sala hay magia', trátase dun proxecto que nace do epílogo da obra 'A Frauta Máxica', indagando nos mecanismos da ópera a través dunha perspectiva experimental.
"Esta investigación articúlase ao redor de preguntas que cuestionan a dramaturxia deste xénero e os elementos que a compoñen: o dramatismo da acción, os interludios, os intercambios que soportan as escenas, a figuración, os movementos que ocorren á vista do público, escenografía, iluminación, accesorios, efectos especiais, sinais de entradas de artistas etc., e todo este material analizado tómase como fonte de material coreográfico", sinalan desde a organización das Residencias Paraíso.
Engaden que nesta proposta "os simbolismos propios desta alegoría polisémica que é A frauta máxica, a tolemia, a sexualidade e a carnalidade, revísanse desde unha perspectiva actual e actualizan esta obra patrimonio sonoro europeo", .
Unha vez finalizada a súa residencia artística, Noela Covelo e Élise Moreau ofrecerán unha mostra aberta do seu traballo en proceso, que terá lugar no propio Pazo dá Cultura de Pontevedra o venres 2 de agosto, ás 19.00 horas con entrada libre ata completar aforo.