A 'Retrospectiva' do FICBUEU estará dedicada a Jonas Mekas, fundador do cinema de vangarda estadounidense
Por Redacción
O Festival Internacional de Cinema de Bueu, FICBUEU, achegará na súa próxima edición ao público a figura e a obra de Jonas Mekas (1922-2019), cineasta experimental considerado o pai do cinema de vangarda en Estados Unidos.
A través da sección do festival 'Retrospectiva', entre os días 6 e 21 de setembro proxectarase unha serie de curtametraxes asinadas por Mekas, ademais de profundarse na correspondencia fílmica que mantivo co realizador José Luis Guerín.
Nacido en Lituania en 1922, Jonas Mekas comezou a explorar o cinema de vangarda despois de que chegou a Nova York tras dez anos preso nun campo de concentración nazi. Co tempo, desempeñaría un papel substancial no movemento do Novo Cinema Americano entre as décadas dos anos sesenta e setenta, explica o FICBUEU.
"Coa aproximación á figura de Mekas, o Festival aposta por volver a ollada sobre un creador que, alén da súa obra fílmica, foi unha dinamizador clave do cinema experimental creando publicacións e iniciativas dedicadas á súa promoción, divulgación ou estudo", sinalan.
Entre as películas de Mekas que se exhibirán en Bueu están a emblemática Cassis (1966), que desafía as convencións narrativas ao capturar a vida cotiana nunha secuencia ininterrompida de imaxes, ou 365 DAY PROJECT (2007), composto por unha curtametraxe feita durante cada día do ano.
O festival dedicaralle ademais a Jonas Mekas o seu Caderno#5.