Ars Longa pecha no Museo as Noites de Música Antiga
Por Redacción
A agrupación cubana Ars Longa, con trinta anos de traxectoria, será a encargada de pechar a décimo quinta edición das Noites de Música Antiga. Será este venres 19 de xullo, ás 19:00 horas, no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra.
Nesta actuación, ofrecerá o programa Do hábito ao canto, con pezas compostas en América nos séculos XVII e XVIII, que reúne unha selección de obras fundamentalmente extraídas da colección Sánchez Garza, conservada no CENIDIM en México.
Esta colección provén do Convento da Santísima Trindade de Puebla de los Ángeles, un importante centro de actividade musical durante os séculos XVII e XVIII na Nova España.
O repertorio inclúe obras de destacados compositores da época, como Francisco Vidales, Juan de Baeza Saavedra, Antonio de Moura ou Frei Jerónimo González de Mendoza.
Ars Longa é unha formación fundada en 1994 por Teresa Paz (soprano e dirección) e Aland López (arquilaúde e guitarra barroca). Completan o grupo María Giménez (soprano), Andrea Trueba (mezzosoprano) e Tin Novio (tiorba e guitarra barroca).
É a primeira e máis recoñecida agrupación especializada en Cuba na interpretación historicamente informada e un referente internacional na música antiga.
Ao longo da súa traxectoria participou en multitude de concertos e festivais en Europa, Estados Unidos e América Latina e publicou quince discos que recrean obras do patrimonio musical cubano e hispanoamericano.
Esta será a terceira e última actuación desta edición, que arrancou o 5 de xullo coa actuación de Vestigium, trío de músicos españois moi novos residentes en Suíza; e continuou o venres 12 de xullo co concerto de barroco francés a cargo da formación La Bellemont.