'Un bosque de malas hierbas', unha exposición que combina arte e ciencia
Por Redacción
A investigadora do grupo dx5 da Facultade de Belas Artes, Antía Iglesias centrou a súa tese de doutoramento no traballo con tres especies de plantas exóticas e invasoras que poden atoparse na ribeira do Umia e coas que tratou de xerar papeis e tintas.
A investigación que levou a cabo no Doutoramento en Creatividade e Innovación Social e Sostible implicaba unha combinación entre a a creación artística e a enxeñaría química e forestal e, ademais destes materiais, deu lugar tamén a un conxunto de obras que se deteñen nos propios procesos de traballo para a obtención destes papeis e pigmentos, reunidas nunha exposición na Fundación RAC.
Baixo o título de 'Un bosque de malas hierbas', esta mostra presenta un conxunto de pezas que abranguen do gravado e o debuxo aos procesos dixitais e as instalacións e que, explica, "pretenden visualizar esa colaboración entre a arte e a ciencia, abordando, desde a hibridación de ambas linguaxes e metodoloxías, a cuestión do residuo vexetal de especies exóticas".
"A exposición é un resultado máis da tese", recoñece Iglesias, que o pasado venres defendía na sede desta fundación a investigación que desenvolveu baixo a dirección da profesora de Belas Artes Anne Heyvaert, comisaria desta exposición, e da directora da Escola de Enxeñaría Forestal, Ángeles Cancela.
A contuación, inaugurábase tamén unha mostra que pode visitarse desde este luns e que se insire na colaboración entre a Fundación RAC e a Universidade de Vigo.
A exposición pode contemplarse en horario de 18.00 a 21.00 horas e clausurase este sábado 20 cunha visita guiada pola artista.