Dúas semanas de prórroga para visitar a mostra de obras da Escola de Cantería no Mosteiro de Poio
Por Redacción
As máis de cincuenta obras que forman parte da exposición 'Arias Xidas' serán visitables durante dúas semanas máis no Mosteiro de Poio.
A Escola de Cantería de Poio alcanzou un acordo co Concello e co Mosteiro de San Xoán para que estes traballos do alumnado permanezan ata o 22 de xullo.
Os venres 12 e 19 de xullo, ás 12.00 horas, realizaranse visitas guiadas polo profesorado do centro para explicar as técnicas e o procedemento de elaboración das pezas.
Nesta mostra ofrécense traballos de estudantes con temática diversa desde elementos construtivos básicos e motivos tradicionais ata elementos abstractos, pasando por esculturas figurativas.
Varias obras recrean modelos do escultor Asorey, homenaxeado este ano polas Artes Galegas.
Precisamente nos últimos días, o Consello de la Xunta de Galicia aprobaba o Decreto que converte á Escola de Cantería nun Centro Integrado de Formación Profesional.
Ofertaranse catro novas titulacións o próximo curso, entre as que se atopa a de Alta Especialización en Pedra Natural, con 22 prazas. Ofrecerase por primeira vez unha titulación oficial de Formación Profesional ao alumnado que curse estes estudos.
Ademais, ofrecerase o ciclo básico en Reforma e Mantemento de Edificios; e os ciclos de FP dual en Construción e Proxectos de edificación, con convenios con empresas do sector.