A Banda Filharmónica do Salnés dedica un concerto ás mulleres no seu Día Internacional
Por Redacción
A Banda Filharmónica do Salnés regresa ao Auditorio de Vilagarcía baixo a batuta de Xosé Xavier Bascoi cun concerto homenaxe ás mulleres dentro do Día Internacional da Muller. Baixo o título de 'Elas', esta agrupación quere ofrecer un evento cargado de reivindicación do papel da muller na música e na sociedade.
A actuación contará con dúas partes. Na primeira interpretarase un preludio da zarzuela 'Maruxa', de Amadeu Vives; dúas pezas de Carl María von Weber; e o preludio da 'Sesta do fauno', de Claude Debussy. Na segunda parte, a Filharmónica executará unha peza homenaxe á fundadora do Movemento de Dereitos Civís en Estados Unidos, Rosa Parks, que leva por título 'Movement for Rosa', de Mark Camphouse; ademais da 'Sinfonía das Fábulas' de Julie Giroux. Para este evento, a Banda Filharmónica contará coa colaboración de dúas solistas invitadas: Uxía Bolaño e Alicia Castro que intervirá na composición de von Webber e de Debussy respectivamente.
O concerto será o domingo 9 de marzo, a partir das 19.30 horas no Auditorio de Vilagarcía. As entradas pódense adquirir por un prezo de tres euros o mesmo día do concerto ou a través dos membros da propia Filharmónica.