175.000 euros irán destinados a representacións de danza e teatro pola provincia
Por Anxo Lourido
A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobaba este venres as bases de +Escénicas.
Trátase dun novo circuíto cultural cun orzamento de 175.000 euros para programar teatro e danza nos municipios de menos de 20.000 habitantes na provincia.
A cada concello corresponderalle unha achega máxima de 3.400 euros e terá un máximo de tres espectáculos a seleccionar.
A achega mínima da Deputación será do 70% do custo e dun máximo do 90% dependendo do número de habitantes do municipio.
As compañías de danza e teatro terán que inscribirse, entre o 10 e o 24 de xullo, no catálogo +Escénicas da Deputación cun caché que deberá ser inferior a 4.500 euros.
Os concellos poderán solicitar os espectáculos entre o 2 e o 16 de setembro para que a representación se realice entre o 15 de outubro deste ano e o 31 de marzo de 2025.