Richard Bona, Jeff Cascaro ou Rick Estrin & the Nightcats, nun Festival de Jazz e Blues que celebrará os seus 30 anos
![Alejandro](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/dee/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/5624216432-20150128-patxot-alex-espino-002.jpg)
Por Alejandro Espiño
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/5da/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjK0UipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0inJL1CyrgUA_/6687bb176a-richard-bona.jpg)
© Festival Internacional de Jazz e Blues de Pontevedra
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/c63/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/6687bbe828-antilia.jpg.jpg)
© Festival Internacional de Jazz e Blues de Pontevedra
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/04e/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/6687bc2552-iago_banet.jpg)
© Festival Internacional de Jazz e Blues de Pontevedra
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/c1f/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/6687bb5c96-jeff-cascaro.jpg)
© Festival Internacional de Jazz e Blues de Pontevedra
Cumprir trinta anos de vida é un fito ao que chegan poucos eventos culturais. E menos con tan boa saúde como o Festival de Jazz e Blues de Pontevedra, que volverá converter a Praza da Ferrería, entre os días 5 e 9 de agosto, nun auténtico club de jazz ao aire libre.
Este festival será, un ano máis, un dos grandes atractivos das Festas de Verán de Pontevedra, aínda que nesta ocasión aínda con maior razón, xa que os seus organizadores teñen previsto celebrar ao grande a súa entrada na trintena.
Cinco serán as noites de jazz desta edición, na que participarán grandes estrelas internacionais como Richard Bona, Jeff Cascaro e Rick Estrin & the Nightcats, que compartirán escenario cos galegos Iago Banet, Antilia e Sempasúchil, liderada por Ton Risco.
O festival arrancará o luns 5 de agosto, ás 22:30 horas (horario de todos os concertos), cunha sesión dobre con Iago Banet e os pontevedreses Antilia.
Iago Banet, músico galego residente en Londres, é coñecido polo seu 'fingerstyle guitar'. Toca baixos, acordes e melodías ao mesmo tempo, dando a impresión de haber máis dun artista sobre o escenario. Presentará en Pontevedra o seu terceiro disco en solitario, Tres (2023).
Antilia, pola súa banda, é un binomio de música viva. É o resultado da suma dos acordes elegantes, máxicos e complexos da guitarra de José Churruca co canto exquisito, intelixente e sutil de María Costas, que conflúen nun directo cheo de swing, arte e oficio.
O martes 6 actuará no festival Sempasúchil, unha banda formada polo vibrafonista Ton Risco, a guitarra de Antonio Casado, o contrabaixo de Alfonso Calvo e a batería de Miguel Cabana que aposta por tocar un jazz máis accesible e inspirado desde unha óptica pop.
Rick Estrin & the Nightcats será, o mércores 7, a primeira das actuacións internacionais desta edición. Esta banda estadounidense de blues eléctrico, liderada polo cantante e armonicista Rick Estrin, exhibirá o seu blues moderno, enérxico e versátil no que, segundo os críticos é un dos mellores shows da escena actual.
Tras eles chegará, o xoves 8, o cantante e trompetista alemán Jeff Cascaro, que leva máis de dúas décadas emocionando ao público de todo o mundo cunha proposta musical moi persoal, combinando o jazz co soul e o blues. Popularizou como ninguén o soul-jazz, aínda que nos últimos tempos decidiu profundar no jazz máis clásico, sendo fiel ás súas raíces.
O broche de ouro poñerao o camerunés Richard Bona. Actuará no festival pontevedrés o venres 9. É un dos baixistas máis talentosos do mundo. Co seu son único e o seu don vocal representa continuamente as súas orixes africanas. A súa música, unha proposta de jazz e afropop, aborda as tradicións, a cultura, a beleza e os problemas do seu continente.
Como é habitual, todos os concertos do Festival Internacional de Jazz e Blues de Pontevedra son con entrada gratuíta e celebraranse na Praza da Ferrería.