Un centenar de autores asistirán á oitava edición dunha Festa dos Libros cargada de actividades
![Anxo](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/de8/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/5ea1c6e445-_dsc1161.jpg)
Por Anxo Lourido
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/24c/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjK0UipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0inJL1CyrgUA_/667bffd241-img_3855.jpg)
© Concello de Pontevedra
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/2d6/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/64a801580d-20230707-saiz-praza-ferreria-inauguracion-festa-libros-0465.jpg)
© Cristina Saiz
Tereixa Constenla, Ángeles Caballero, Cristina Sánchez-Andrade, Esther Gil, Ledicia Costas, Manuel Jabois, Genaro da Silva, Eva Mejuto, Polo Correo do Vento ou Sara Vila serán algúns dos nomes de autores que asistirán á oitava edición da Festa dos Libros de Pontevedra, prevista desde o venres 5 ao domingo 7 de xullo na Praza da Ferrería de Pontevedra.
Este martes o concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez, presentaba o evento acompañado por representantes de catro das trece librerías que terán protagonistmo nesta proposta na que se darán cita un centenar de escritores e na que están previstas máis de noventa actividades durante as tres xornadas de celebración.
Aviones de Papel, Cao, Clip, D Lectum, Naranjo, El Pueblo, Escolma, Espazo Lector Nobel, Erebor Comics, La Nube de Papel, Metáfora, Paz e Seijas son as librerías que participan este ano. "Pontevedra é a cidade galega con máis librerías per cápita", apuntaba Demetrio Gómez e elas "son as que fan que esta festa sexa tan especial como é".
O horario de apertura será durante as xornadas do venres e do sábado, de 11.00 a 14.00 e de 18.00 a 22.30 horas. Mentres que o domingo 7, o horario será de 11.00 a 14.00 e de 18.00 a 22.00 horas.
Antonio Santiago, de Clip, recoñecía que desde se cambiou o formato, a Festa dos Libros converteuse en "un incentivo moi grande. Está moi ben creada e moi ben atendida" e admite que as vendas responden "bastante ben. Non hai queixa" durante eses tres días.
Susana Álvarez, de Espazo Lector Nobel, afirmaba que tamén é un espazo de convivencia para os profesionais do sector. "É xerar un espazo onde a cultura está moi exposta, moi visible e moi accesible", engadía apuntando a que hai propostas para todo o público tanto "cativos como xente maior. Apostamos por todas as idades".
Desde as librerías sinalan que a pandemia supuxo un punto de inflexión provocando un incremento de lectores.
O público infantil terá actividades durante as primeiras horas das tres xornadas: Pakolas, o venres; Polo Correo do Vento, o sábado; e Paco Nogueiras e Marc Taeger, durante o domingo.
O programa inclúe unha nova sesión de Os vermús de Pinto e Maragota, o venres ás 12.30 horas coa presentación da obra 'Todo o que doe', de María Carmen Caramés.
Ese mesmo venres, ás 18.15 horas, Eva Mejuto guiará 'Mulleres protagonistas', unha conversacción con mulleres escritoras con libros cuxas protagonistas tamén son mulleres. María Solar, Rosa Aneiros, Llerena Perozo e Sara Vila.
O sábado 6 ás 12.30 horas desenvolverase 'Enfiando lecturas', promovido por Libraría Paz coa participación de Afra Torrado, Branca Trigo, Edu Lavandeiras e Marta Estévez.
Xa o domingo, tamén ás 12.30 horas, celebrarase un debate literario ao redor da escritora Luisa Villalta coas intervencións de Montse Pena e Mercedes Queixas, Montse Dopico e Xurxo Souto.
Ás 19.15 horas está previsto un encontro titulado 'A primeira vez' con autoras como Laura Portas, Alba Guzmán Falcón e María Alonso Seisdedos.
Presentarase a última obra poética de Antón Lopo, actual Premio da Crítica Española en poesía galega e tamén levará a cabo o recital poético TRINCA. As dúas actividades celebrarase o venres pola tarde.
Alberto Pombo presentará o sábado ás 20.15 horas o seu libro 'Verso e acorde. Relación entre literatura galega e música pop'. Pola súa banda, Antón Reixa ofrecerá unha presentación de 'Enciclopedia perplexidade. Escolma poética 1976-2023', unha seleción dos seus traballos creativos no marco poético.
Tamén se desarrrollarán actividades musicais e outras propostas como o Cafeciño & Draw con Nuria Díaz, Mariña Rey Noya e Laura Tova.
Alba Blanco ofrecerá unha sesión na Librería Seijas na mañá do domingo para realizar unha actividade de debuxo.
Por último, o Taller Urban Sketcher realizarán unha actividade de ilustración organizado pola Librería Cao.
Pódese consultar o programa nesta ligazón.