![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/e73/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjawUqrKz891Lsov0DGzMN_/_AxNjDQSU7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/6655f69b20-20240228-np-depo-sempre-en-galiza-2-.jpeg)
© Deputación de Pontevedra
O Museo remarca a pegada de 'Sempre en Galiza' na cultura galega
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/ce8/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/6655f614a8-20240228-np-depo-sempre-en-galiza-3-.jpeg)
© Deputación de Pontevedra
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/81a/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/6655f6b70f-20240228-np-depo-sempre-en-galiza-4-.jpeg)
© Deputación de Pontevedra
O Museo de Pontevedra remarcou a pegada de 'Sempre en Galiza' na cultura galega nas xornadas impulsadas pola Fundación Castelao para conmemorar o 80 aniversario da súa publicación.
O vicepresidente da Deputación, Rafa Domínguez, recordou no acto inaugural que o manuscrito orixinal "dun dos testemuños mais destacables da actividade de Castelao, no que da voz ao momento que vivía o noso pobo, as súas dores e esperanzas", consérvase no Museo de Pontevedra "posiblemente a carón da estilográfica coa que o escribiu e das características lentes que empregaba".
"Aínda que Castelao viña elaborando 'Sempre en Galiza' desde 1934, o certo é que non foi ata 1944, cando este ensaio se publica en Bos Aires", recordou Rafa Domínguez quen aproveitou para poñer en valor o legado que custodia o Museo de Pontevedra sobre o intelectual galeguista, que ascende a máis de dúas mil pezas.
"Na nosa colección permanente exhibimos o orixinal manuscrito de 'Sempre en Galiza', a carón da versión publicada e das edicións realizadas en Bos Aires, Madrid e Vigo", asegurou o vicepresidente quen tamén recordou que a entidade "conta con dúas salas centradas en Castelao, sen o cal non se entende o pasado século en Galicia nin o propio Museo de Pontevedra".
Durante a xornada, que se estendeu ao longo desta tarde, tivo lugar unha conferencia sobre "O retorno da obra de Castelao a Pontevedra", a cargo da directora do Museo de Pontevedra Ángeles Tilve Jar.
A continuación, Xosé Manuel Dasilva, catedrático do Departamento de Tradución e Interpretación da Universidade de Vigo afondou nas "Edicións, prohibicións e censuras de Sempre en Galiza" e Natalia Crecente, da Escola Superior de Arte e Deseño Ramón Falcón sobre "Castelao e a construción dunha tipografía galega".
Finalmente Miguel Anxo Seixas, presidente da Fundación Castelao impartiu a conferencia "De non sempre en Galiza a Sempre en Galiza" e Diana Santiago, secretaria da Fundación Castelao, moderou unha mesa redonda coas persoas que participaron na xornada ao longo da tarde.
O broche de ouro tivo lugar a última hora cunha visita guiada á exposición permanente de Castelao e á exposición temporal "Castelao: o retorno a Galicia, 1984. Xan Carballa. Fotografías" con Xosé Enrique Acuña e Xan Carballa.