RADIO.- Broken Peach presenta 'Welcome to the brokenland' o seu primeiro disco con cancións orixinais
Por Marisa Ciordia
Público pontevedrés, tedes gañada a admiración dos Broken Peach, que o saibades. Tiveron ocasión de actuar varias veces nesta cidade e nun ranking de públicos, o de Pontevedra é o máis top. Dito queda. Convidamos a este grupo vigués ao podcast 'Cara a cara' con motivo do seu novo, e primeiro disco con cancións orixinais e o concerto de presentación de 'Welcome to brokenland'.
Desde 2009 defenden o nome de Broken Peach. Son todo un espectáculo por si mesmos; musical e visualmente. Dicir que fan covers non sería xusto para o grupo; ispen unha canción e vístena de Broken Peach, porque a súa esencia non é emular a, senón darlle a súa identidade a unha canción que antes xa popularizaron outros artistas.
E vaia se o conseguen. Basta botar unha ollada á súa canle de YouTube para comprobar os millóns de visualizacións que reciben os seus videoclips.
'Welcome to brokenland' leva esperando para debutar desde 2019, si tamén a pandemia meteuse por medio. Editado en formato dixital, é un dobre álbum porque se gravou en versión castelán e versión inglés. Saíu o 21 de abril e xa venderon dúas terceiras partes do material. A restante queda dispoñible para o concerto de presentación que ofrecen este sábado 11 de maio no teatro do Colexio Salesianos de Vigo ás 20.30 horas.
Coidado porque hai que ser puntuais, xa o advirten. E outra advertencia: "este concerto será único", vai ser un show especial para esta ocasión.
En 'Welcome to brokenland' a portada ten "un punto cinematográfico", como eles mesmos; e dentro, cántanlle ao amor, ao desamor e nalgunhas cancións tamén contan que "hai unha forma de vivir diferente á que nos ensinaron". Este novo álbum non significa abandonar a identidade que veñen mostrando ata o de agora, senón "achegar valor á marca Broken Peach".
O podcast completo está dispoñible para escoitar e descargar desde a web de PontevedraViva Radio e tamén se pode escoitar desde a ligazón que se adxunta.