Pontevedra promete ser un "fervello" cunha nova edición da Aña Urbana
Por Alejandro Espiño
Como cada ano, a asociación cultural Trépia mantense á súa cita coa tradición e a festa popular. Será cunha nova edición da súa Aña Urbana, que se celebrará este sábado 27 de abril e que terá como epicentro unha carpa que estará instalada na Praza de España.
"Vai ser unha fin de semana moi alegre, con Pontevedra convertida nun fervello", destacou o edil de Cultura, Demetrio Gómez, cunha programación que incluirá, como é habitual, artesanía, xantares, roteiros, exhibicións de bailes e rituais tradicionais e os clásicos toques de leghón.
Todo iso, subliñou o concelleiro, grazas ao traballo de Trépia, "unha asociación realmente viva, que conta con moitísima xente e que realiza distintas propostas ao longo de todo ano".
A Aña Urbana incluirá actividades pensadas "para todos e para todas", convertendo toda a xornada do sábado nun día "para gozar da música e do baile tradicional e popular ou mesmo para iniciarse nestes", segundo asegurou o responsable municipal de Cultura.
A carpa da Praza de España abrirá ao público ás 11:30 horas, para que poidan gozar dos postos de xantares, dos artesáns e de diferentes actividades, mentres que ás doce do mediodía será o roteiro dos grupos tradicionais participantes polas rúas e prazas do centro histórico.
Xa pola tarde, ás 17:00 horas, haberá obradoiros do baile do ramo e toques de leghón, ás 19:00 horas actuarán os grupos da escola de Trépia e ás nove da noite será a quenda dos grupos Comando Curuxas e Morenos Peludos.
O baile continuará ata a noitiña co serán co que a asociación Trépia pechará esta Aña Urbana.
Toño Vázquez, vogal de Trépia, explicou que esta festa ten a súa orixe na tradición popular como un conxunto de rituais costumistas que se realizaban en Mondariz, Fornelos ou Pazos de Borbén.
Facíase entre abril e maio, durante as labradas para sachar e preparar a terra para sementar o millo. "Era un traballo comunal no que confluía non só o traballo dos labregos, senón tamén a música e a danza, xunto cos cantares específicos para este intre", detallou.
Naquela época, engadiu, a xente dividía a leira e traballaban por bandos. Así, o primeiro grupo que remataba os regos facía un baile, o baile do ramo, que é o que se representará nesta Aña Urbana.
"Facíao unha das mozas que traballaban alí, para logo finalizar a súa danza chantando na leira un ramo, de aí o nome. Hai unha idea subxacente de rito sobre a fertilidade da terra", indicou Vázquez, que afirmou que "era habitual que fose un ramo de loureiro, mais sempre con flor".