![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/784/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjawUqrKz891Lsov0DGzMN_/_AxNjDQSU7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/660e86f87b-carballa-foto-7.jpg)
© Xan Carballa - Museo de Pontevedra/Deputación de Pontevedra
Comezan as visitas guiadas á mostra ‘Castelao: o retorno a Galicia, 1984. Xan Carballa. Fotografías’
![Anxo](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/022/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/6683d39821-a.jpg)
Por Anxo Lourido
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/783/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/660e86c0f2-carballa-foto-8.jpg)
© Xan Carballa - Museo de Pontevedra/Deputación de Pontevedra
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/84a/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/660e873f6d-18032024-_dsc9775.jpg)
© Museo de Pontevedra - Deputación de Pontevedra
Este xoves 4 de abril inícianse as visitas guiadas á exposición fotoperiodística que se atopa no Museo de Pontevedra baixo o título 'Castelao: o retorno a Galicia, 1984. Xan Carballa. Fotografías'.
Nas imaxes que se recollen na mostra se reflicte a reportaxe fotográfica realizada polo vigués Xan Carballa sobre o momento histórico da chegada dos restos mortais de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao a Galicia procedentes de Arxentina.
O intelectual galego falecera en xaneiro de 1950 e o seu corpo descansaba no cemiterio de Chacarita de Bos Aires.
En 1978, en plena transición democrática, o deputado nacionalista Camilo Nogueira propuxo o traslado do corpo do escritor, iniciativa que foi apoiada polo Parlamento de Galicia e que consentiu a familia de Castelao.
O fotógrafo e xornalista Xan Carballa realizou a reportaxe para 'A nosa terra' da chegada dos restos mortais o 28 de xuño a Santiago de Compostela ofrecendo imaxes do aeroporto de Lavacolla, exteriores de San Domingos de Bonaval e do lugar onde a Xunta estableceu o seu enterro definitivo, o Panteón de Galegos Ilustres.
Durante aquela xornada se rexistraban incidentes e manifestacións, principalmente, nos dous primeiros escenarios, que se poden ver nesta mostra.
Con esta iniciativa conmemórase o corenta aniversario destes acontecementos que eran difundidos en directo por Televisión Española en Galicia nunha xornada de moita tenxión con cargas policiais polo centro histórico de Santiago.
A exposición está comisariada por Xosé Enrique Acuña, quen considera que o Museo de Pontevedra é o "lugar natural" para ofrecer estas instantáneas dun momento histórico.
O público ten a oportunidade de coñecer agora detalles explicados sobre o retorno do líder galeguista durante estas visitas guiadas que se celebrarán todos os xoves, a partir das 18.00 horas, sen necesidade de inscrición previa.