RADIO.- A saga policial do xornalista vigués Luis García-Rey xa ten segundo título, 'Loor'
Por Marisa Ciordia
A primeira ocasión en que Luis García-Rey fixo un 'Cara a cara' foi o pasado 2023 con motivo do seu debut como escritor. Facíao co thriller 'Axel'. Volve poñer nome a outro dos podcast de PontevedraViva Radio xa que acaba de publicar o seu segundo libro, 'Loor' e faio ademais co engadido de Premio Primavera de Novela.
Declárase "realmente enganchado a isto de escribir". Compaxina a escritura coa súa profesión de xornalista deportivo en radio e televisión e dirixindo un máster. Para chegar a todo iso "tiven que sacrificar moita vida persoal, non profesional, porque tiven que encaixar para escribir entre os ocos do traballo. Pero conseguino, estou supersatisfeito, entregámolo a tempo e ademais gañamos un premio. Non podemos pedir máis", afirma este popular vigués.
O inspector de policía Axel Nash foi o protagonista do primeiro título e neste segundo cede o papel principal á súa compañeira Loor Galván, quen se atopa ante a dúbida de se matou a alguén. Ademais dos seus demos particulares séguenlles acompañando a banda sonora vital do autor. E como incorporación, unha influencer de OnlyFans e unha estrela do rock nacional; personaxes cos que García-Rey pon aos seus lectores ante a dicotomía da fama entendida dunha forma tradicional e a fama tal e como a trouxeron as redes sociais.
'Axel' e 'Loor' xa son os primeiros dunha saga que "eu espero facela. Non poñamos portas. Esperemos que isto dure moito anos porque eu pásomo de marabilla tanto con Axel como con Loor". Así que este partido vai ter máis que dous tempos.
O podcast pódese escoitar completo desde a ligazón que se adxunta e tamén se pode escoitar e descargar, do mesmo xeito que o resto de programas, desde a web de PontevedraViva Radio.