A ampliación do Polígono do Vao "se todo vai ben" estará aprobada nun ano
Por Redacción
As trabas administrativas impostas ao proxecto de ampliación da Granxa do Vao, o polígono comercial situado na estrada de Vilagarcía, van camiño de solucionarse definitivamente. Tanto a Xunta de Galicia como o Ministerio de Fomento remitiron senllos informes favorables dos seus respectivos departamentos de estradas, logo da negativa inicial que obrigou os seus promotores a reformular certos aspectos do proxecto.
Los documentos, analizados este martes na Comisión de Urbanismo do Concello de Pontevedra, eran necesarios para poder tramitar ante a Xunta a modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Urbana, obrigada para poder dar luz verde a este proxecto. Aínda que quedan aínda varios trámites administrativos por cumprir, desde o goberno municipal aseguran que "está todo ben encauzado", segundo César Mosquera.
O edil do BNG, que presidiu a comisión por enfermidade do seu titular, Antón Louro, sinalou que "se todo vai ben", este proxecto de ampliación que estenderá o polígono comercial ata os lindes coa autoestrada AP-9, podería estar aprobado no prazo dun ano. A partir de aí quedaría pendente a súa urbanización, un trámite relativamente rápido "porque moitas das cuestións xa se modificaron agora", e a construción das respectivas naves comerciais.
A superficie total do polígono é de 42.274,41 metros cadrados. Inicialmente eran 103.000 metros cadrados, pero sucesivas modificacións da PO-531, a AP-9 e Costas, reducírono ata a cifra actual. Os promotores, vinculados maioritariamente ao Grupo Nogueira, teñen asinados preacordos con firmas como Decathlon, McDonald´s, Kiabi, Aki, Lidl, Norauto ou La Marca para implantarse alí e crear ao redor de 250-300 postos de traballo.
LICENZA PARA INDITEX
Ademais, a Comisión de Urbanismo concedeu licenza definitiva a Pull Bear España, S.A., para a conversión en comercial do edificio de vivendas situado no número 32 da rúa Benito Corbal, onde se situaba ata hai pouco máis dun ano a croassantería Swet House. O inmoble acollerá unha nova tenda da multinacional de Amancio Ortega, así como as oficinas administrativas do grupo en Pontevedra.
Relacionadas:
-
O polígono empresarial da Granxa do Vao avanza malia a súa complexa tramitación
Por Redacción |
-
Frutas Katuxa proxecta unha gran tenda-almacén en Salcedo
Por Redacción |
-
Decretan o "interese público" do polígono da Granxa do Vao para salvar as trabas da Xunta ao proxecto
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Fomento desatasca o polígono comercial do Vao
Por Redacción |