Fomento desatasca o polígono comercial do Vao
Por Redacción
A Concellería de Urbanismo de Pontevedra vén de recibir o último informe sectorial pendente para facer posible a modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Urbana (PXOU) no que atinxe á construción do polígono comercial da Granxa do Vao.
O concelleiro deste departamento, Antón Louro, amósase satisfeito de que estea a punto de culminarse unha laboriosa tramitación despois da chegada do informe sobre a afección á autopista AP-9 do Ministerio de Fomento.
Segundo informa Urbanismo, Fomento ve con bos ollos a proposta de construír un muro de contención na zona colindante entre o futuro polígono comercial e a autopista. A carón do muro construirase un vial de circulación interna do polígono e varias áreas de aparcamento. Para elo será necesario que a inmobiliaria Ponteno e o Ministerio realicen unha permuta de terreos, dado que se modifican as aliñacións das franxas de dominio público e a servidume.
O concelleiro de Urbanismo subliña que agora quedará por tramitar a permuta, que deberá ser autorizada pola Dirección Xeral de Patrimonio do Estado. O pasado venres, Ponteno xa remitiu ao Concello os planos coas superficies a permutar (uns 2.000 metros cadrados en total), o novo deslinde e a liña de servidume de 50 metros, medida dende o bordo exterior da autopista, que non poderá ser invadida por ningunha edificación.
A autopista obtén tamén, gracias a este acordo a superficie necesaria para unha eventual ampliación da AP-9, sen necesidade de realizar expropiacións no entorno da peaxe de Alba.
Antón Louro explica que se trata dun informe de gran importancia, posto que de ter sido negativo tería inviabilizado o polígono comercial. Agora, o Concello seguirá a tramitación da modificación puntual do PXOU, que deberá pasar, unha vez superado o trámite da permuta, polo informe inicial da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, e os pasos da aprobación inicial, exposición ao público, aprobación provisional e definitiva, xa por parte da Xunta.
A superficie total do polígono é de 42.274,41 metros cadrados dos que o Grupo Nogueira posúe o 87,01%, mentres que os propietarios minoritarios, entre os que figura a empresa avícola 'Lago' e 'Tendidos Moncosa', dispoñen do restante.
Os promotores, vinculados ao Grupo Nogueira, teñen asinados preacordos con firmas como Decathlon, McDonald´s, Kiabi, Aki , Lidl, Norauto ou La Marca para implantarse a partir do próximo ano neste novo espazo e crear ao redor de 250-300 postos de traballo.