"Dende agora aquí me tedes, o mesmo Agustín de sempre a vosa absoluta disposición"
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
Agustín Reguera tomou posesión este martes como delegado territorial da Xunta en Pontevedra nun acto celebrado no Edificio Administrativo de Campolongo e que estivo presidido polo titular do Goberno galego, Alfonso Rueda, acompañado do vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo.
O acto foi tamén a despedida de Luís López ‘Lugués’, recentemente cesado como delegado territorial "despois de 28 meses de traxectoria" e máis de 1.300 actos públicos. Lugués deixa a Delegación territorial para presidir a Deputación de Pontevedra. "Quedades nas mellores mans", afirmou en referencia a Agustín Reguera pola súa "bondade, proximidade, comprensión e excelente trato directo que ten. Pontevedra non pode ter mellor delegado territorial".
Numerosos alcaldes, dos 47 concellos que conforman esta Delegación territorial, asistiron a este acto no que Alfonso Rueda encomiou o "bo talante e o espírito de traballo" de ambos, agradecéndolles a súa "dedicación, profesionalidade e dispoñibilidade".
O nomeamento de Agustín Reguera supón un recoñecemento a unha traxectoria de 28 anos como alcalde de Soutomaior despois de perder o bastón de mando nas pasadas eleccións municipais. "Ímosvolo a pedir prestado un tempiño máis, loxicamente vén aquí porque el quere, pedíuselle e el dixo que estaba disposto a seguir traballando", chanceou o presidente da Xunta cos fillos do novo delegado territorial presentes neste acto.
Rueda dixo do novo delegado que é "unha persoa dialogante, conciliadora, con coñecemento e con rigor" e destacou a súa "vocación de servizo público" que lle fai atesourar "moitísima experiencia para achegar en positivo".
Pola súa banda, Agustín Reguera agradeceu a "confianza" depositada nel para asumir este cargo, "espero estar á altura", manifestou. "Chego como moito entusiasmo, un pouco de experiencia e a máxima humildade, para entender e tentar axudar aos 47 concellos da nosa área de influencia", apuntou.
"Desde agora aquí me tedes, o mesmo Agustín de sempre á vosa absoluta disposición", asegurou o delegado territorial.
Relacionadas:
-
Rafa gañou, pero nada cambiou: Lores, alcalde por sétima vez
Por Alejandro Espiño |
-
Agustín Reguera garante o apoio da Xunta a AJE e a colectivos de persoas xordas
Por Redacción |
-
Aroa Otero entrará como concelleira en substitución de Pablo Fernández, nomeado secretario xeral na Xunta
Por Oskar Viéitez |
-
Luís López confía a Rafa Domínguez e Marta Fernández-Tapias dúas vicepresidencias da Deputación
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Luís López cesa como delegado da Xunta en Pontevedra e relevarao Agustín Reguera
Por Natalia Puga |