Sufocan un incendio no interior dun veleiro amarrado no porto de Combarro
Por Redacción
O dono dun veleiro e os operarios do porto deportivo de Combarro, en Poio, lograron sufocar un incendio rexistrado na tarde deste xoves no interior da embarcación.
O veleiro estaba atracado na dársena deportiva e, sobre as 16.45 horas, empezou a arder. Segundo a información facilitada polo 112 Galicia, lograron sufocalo sen que ningunha persoa resultase ferida.
Tratouse dun lume fortuíto de carácter eléctrico que afectou á ponte de mando. Finalmente, as lapas queimaron a cuberta do veleiro.
Para evitar que o incendio se propagase, foi necesario retirar os barcos próximos á embarcación na que se declarou o lume.
Varias persoas particulares informaron da situación ao 112 Galicia cando xa había xente intentando apagar as lapas con mangueiras.
Desde o 112 Galicia solicitouse a intervención dos Bombeiros de Ribadumia, do GES de Sanxenxo, da Garda Civil e da Policía Local.
Ademais, informouse dos feitos a Salvamento Marítimo, ao Servizo de Gardacostas de Galicia, a Portos de Galicia e á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Poio.
Desde a Policía Local de Poio indican que grazas á rápida intervención dos vixiantes do porto os danos non foron a máis.
O persoal de emerxencias de Sanxenxo traballou para arrefriar e apagar o lume completamente.