Dispositivo especial de limpeza e seguridade na Lama pola romaría do Santo Cristo de Xende
Por Redacción
O Concello da Lama puxo en marcha un amplo dispositivo de roza e limpeza na contorna da igrexa de Xende coa intención de ter toda a zona preparada para acoller a romaría do Santo Cristo que terá lugar durante esta fin de semana.
O tenente de alcalde David Carrera e responsables da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil Oitavén-Tea mantiveron unha xuntanza de coordinación do operativo de seguridade para atender e prever calquera problema que se poida producir durante esta celebración.
Dentro dos actos relixiosos, está previsto que o domingo 4 de xuño, o bispo de Tui-Vigo, Monseñor Luís Quinteiro Fiuza, presida a misa solemne que oficiará o cura párroco, David Dosantos, e a continuación terá lugar a tradicional procesión, nesta ocasión e por primeira vez, coa presenza das imaxes da Virxe das Ermidas e do glorioso San Brais de Briallos.
Por outra banda, os operarios municipais e da Deputación remataron xa os labores de limpeza, roza e acondicionamento dos viais por onde discurrirá este evento turístico-relixioso.
As boas previsións metereolóxicas fan prever que esta fin de semana se produza unha gran afluencia de devotos á igrexa de San Paulo onde está albergado o Santo Cristo de Xende. Así, nestes días e coincidindo coa celebración das novenas, púdose observar unha gran afluencia de persoas e familias que percorreron os distintos viais que conducen ao santuario.