A Lama ultima os preparativos da romaría do Santo Cristo de Xende
Por Oskar Viéitez
O Concello da Lama ultima os preparativos da romaría do Santo Cristo de Xende que terán lugar nesta parroquia esta fin de semana do 26 e 27 de maio.
Están a piques de rematar os labores de limpeza e acondicionado de viarios así como a habilitación de zonas de estacionamento.
Por petición veciñal e do cura párroco David Dosantos, talláronse unhas vellas acacias que ameazaban a seguridade das persoas que se dan cita nas inmediacións do Calvario para acudir a esta celebración relixiosa.
Ademais o alcalde Jorge Canda mantivo unha reunión de traballo cos responsables da agrupación de Protección Civil de Oitavén-Tea para deseñar un dispositivo de ordenación do tráfico con motivo da celebración.
O programa festivo arranca o sábado 26. Haberá misas ao longo de toda a mañá, cada hora, a partir das nove. A misa solemne, celebrarase ás doce do mediodía, seguida de procesión. A continuación terá lugar a actuación da Banda de Música Cultural de Barro. Pola tarde oficiarase unha misa ás 18 horas.
Ás 22.00 h terá lugar unha gran verbena amenizada polos tríos "Armonía" e "Chic".
O domingo 27 ás nove da mañá comezarán as misas, que se repetirán cada hora. Ás 11.00 horas levará a cabo o Santo Encontro de todos os santos das parroquias veciñas. A misa oficiarase ás doce do mediodía e a continuación terá lugar a procesión acompañada pola Banda de Música Popular de Rubiós, que ofrecerá un concerto rematados os actos litúrxicos.
Pola tarde, ás 18.00 horas, oficiarase a misa solemne e, a continuación, sairá en procesión o Santo Cristo acompañado pola Banda de Música Popular de Rubiós percorrendo o centro do pobo.
Finalmente o domingo 3 de xuño, ás 13.00 horas, terá lugar a misa solemne de Corpus, seguida da procesión.