A conserveira Connorsa xa pode ampliar as súas instalacións en Vilaboa
Por Redacción
O Consello da Xunta autorizou este xoves o decreto polo que se aproba definitivamente a modificación puntual das normas subsidiarias municipais de Vilaboa no lugar de Acuña.
Este cambio ten como obxectivo reclasificar o solo do ámbito, que pasará de non urbanizable común a urbanizable delimitado, para recoñecer a existencia da fábrica Conservas do Noroeste (Connorsa) e posibilitar a ampliación das súas instalacións.
A modificación puntual corrixe o erro que supuxo non recoñecer este asentamento industrial previo á actual Lei de costas nas normas subsidiarias municipais do ano 1988. Deste xeito dáse seguridade xurídica á empresa, maior estabilidade aos actuais postos de traballo e posibilita a creación de máis emprego, xa que permite a ampliación da fábrica.
Conservas do Noroeste localízase no fondo da ría de Vigo, na beira oeste da enseada de San Simón, e próxima ao núcleo de Acuña, na parroquia de San Martiño de Vilaboa.
Conta con 42.000 metros cadrados de superficie dos que aproximadamente 9.500 xa están construídos, mentres que outros 9.500 metros cadrados destinaranse á ampliación das instalacións cara ao suroeste, ao pé do Monte da Croa e seguindo o trazado do camiño existente paralelo á costa. A proposta supón, ademais, a realización de melloras na urbanización dos espazos libres e no eido ambiental.