Piden catro anos de prisión para un home por abusar dunha menor coa que contactou por un anuncio no que solicitaba compañía feminina
Por Oskar Viéitez
A sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra deixou visto para sentenza o xuízo contra un home acusado dun delito de abusos sexuais a unha menor. O caso procede do Xulgado de Instrución número 1 de Pontevedra.
A Fiscalía pediu que este home sexa condenado a catro anos de prisión e tamén reclama unha indemnización para a vítima de 3.000 euros.
O representante do Ministerio Público considera que quedou probado que o acusado contactaría coa vítima, menor de idade naquel momento, a través dun anuncio publicado nunha web, na que solicitaba compañía feminina a cambio de 8.000 euros ao mes. Por iso, mantiveron relacións sexuais e o acusado nunca lle entregou o diñeiro.
O acusado declárase inocente e o seu avogado pediu a libre absolución.
O letrado non dubida da veracidade dos feitos que denuncia a vítima pero sinala as contradicións nas que incorreu durante todo este proceso á hora de identificar o seu agresor.
A defensa lembra que a vítima recoñeceu a outra persoa como autora dos feitos que se xulgan polo que dubida da credibilidade do seu testemuño cando hoxe sinalou ao acusado na sala de vistas "de maneira viciada" xa que a fiabilidade dese testemuño está inevitablemente mermada entre outras cousas, pola ausencia de referencia algunha de comparación, advertiu o avogado.