A Fiscalía pide que un pai sexa condenado a 12 anos de cárcere por abusar da súa filla menor de idade
Por Oskar Viéitez
A sección segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra iniciou este xoves o xuízo contra un pai acusado de abusar sexualmente da súa filla menor de 16 anos. O caso procede do Xulgado de Instrución número 1 de Pontevedra.
A fiscal especializada en violencia sobre a muller de Pontevedra, Rosalina Carrera, pide 12 anos de prisión para este home ao consideralo autor dun delito continuado de abuso sexual a menor de 16 anos, así como a súa inhabilitación especial para calquera profesión que conleve contacto regular e directo con menores de idade por un período de 17 anos.
Tamén reclama unha indemnización de 50.000 euros para a menor e a prohibición de achegarse ou comunicarse coa vítima a menos de 200 metros durante 20 anos.
Os feitos descubríronse por mor dunha vídeo chamada que a menor mantivo cunha amiga á que lle dixo "mi padre me violó". O vídeo desta chamada visonouse na sala. Supostamente todo ocorrería no verán de 2019, aínda que a nai da moza non presentou denuncia ata principios de 2021. Os pais da menor separáronse en 2016.
A vista oral arrincou coa declaración do procesado que negou de maneira contundente os feitos e atribuíu a acusación da súa filla a "un intento de llamar la atención, aunque esto ya se le fue de las manos".
O acusado explicou que a súa filla durmía en cama con el porque tiña medo despois de que uns ladróns entrasen a roubar na súa casa. Insistiu en que "nunca" estivo espido con ela nin realizou tocamentos. Nesa mesma casa tamén convivía a avoa.
O pai tamén apuntou que está sometido a tratamento psiquiátrico como consecuencia desta denuncia.
A declaración da menor realizouse a porta pechada. O xuízo retomarase o vindeiro xoves 4 de maio.
Relacionadas:
-
Un pai pontevedrés, condenado a 12 anos de cárcere e a perder a patria potestade por violar á súa filla de 10 anos
Por Natalia Puga |
-
Piden catro anos de prisión para un home por abusar dunha menor coa que contactou por un anuncio no que solicitaba compañía feminina
Por Oskar Viéitez |
-
Xulgan un pontevedrés por abusar dunha menor á que non coñecía en plena rúa
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |