Comezan os labores de limpeza e posta en valor dos petróglifos da Laxe das Rodas, en San Xurxo de Sacos
Por Redacción
Os arqueólogos da empresa Árbore Sociedade Cooperativa Galega comezan xa a executar os labores de limpeza e posta en valor dos petróglifos da Laxe das Rodas, en San Xurxo de Sacos, dentro das actuacións programadas polo Concello de Cerdedo-Cotobade a través do convenio asinado coa Xunta de Galicia.
A Xunta achega uns 30.000 euros destinados tamén a preservar e poñer tamén en valor os petróglifos de Laxe dos Cebros e Pedra das Ferraduras, unha vez rematados os traballos na Portela da Laxe, en Viascón.
Os arqueólogos están procedendo á retirada da reixa de ferro, realizar a diagnose correspondente sobre o estado do soporte pétreo dos petróglifos e proceder, con coidado, á limpeza do mesmo de musgos e liques para que se poidan contemplar en toda a súa magnitude os gravados.
Este traballo complexo está sendo realizado por un equipo cualificado de restauradoras e arqueólogos, con experiencia en actuacións anteriores de características semellantes, dirixidos por Tito Concheiro, unha autoridade na materia.
Nestes momentos estase eliminando toda a maleza que ameazaba a estes petróglifos e vaise proceder a aplicar novas tecnoloxías que están resultando moi efectivas noutras experiencias de recuperación similares no norte de Europa co fin de erradicar, sin causar o mínimo dano ao soporte pétreo, os liques que dificultan a observación e definición dos gravados rupestres.
Relacionadas:
-
Avanzan os traballos para a posta en valor dos petróglifos de Portela da Laxe
Por Redacción |
-
Luz verde á restauración dos petróglifos de Fentáns, en Cerdedo-Cotobade
Por Redacción |
-
O Concello e a Xunta restaurarán o petróglifo de Fentáns, vítima dunha agresión vandálica
Por Redacción |
-
Posta en valor dos recursos arqueolóxicos de Cerdedo-Cotobade
Por Redacción |