Avanzan os traballos para a posta en valor dos petróglifos de Portela da Laxe
Por Redacción
O alcalde en funcións de Cerdedo- Cotobade, Fernando Vázquez, acompañado dos arqueólogos Tito Concheiro e Elena Taboada, da empresa Árbore Sociedade Cooperativa Galega, realizou unha visita aos traballos de limpeza e posta en valor dos petróglifos de Portela da Laxe, en Viascón.
Estes traballos encádranse nas actuacións previstas no convenio asinado entre o Concello de Cerdedo-Cotobade e a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades polo cal a Xunta achegou uns 30.000 euros destinados a preservar e poñer tamén en valor os petróglifos de Laxe dos Cebros, Pedra das Ferraduras e Laxe das Rodas.
Os arqueólogos e restauradores, dirixidos por Tito Concheiro, están procedendo á retirada da reixa de ferro, a realizar a diagnose correspondente sobre o estado do soporte pétreo dos petróglifos e á limpeza de musgos e liques para que se poidan contemplar en toda a súa magnitude os gravados.
Posteriormente a este traballo, os arqueólogos pretenden retirar un manto vexetal que se foi extendendo por enriba desta estación rupestre e que podería poñer a descuberto novos gravados.
Tamén se aproveitarán estas intervencións para realizar traballos de documentación e rexistro dos petróglifos mediante o seu levantamento fotogramétrico e realización de fotografías nocturnas e tamén toma de imaxes e vídeo aéreo.
Outra parte dos traballos consistirán na colocación e/ou reposición da sinaléctica, divulgación nas redes sociais destes elementos da arte rupestre, organización de visitas guiadas e charlas informativas sobre os petróglifos.
PORTELA DA LAXE
Os petróglifos da Portela da Laxe (GA36012035) sitúanse no lugar da Atalaia, na parroquia de Viascón (Concello de Cerdedo-Cotobade) e á beira mesmo da estrada N-640. Trátase dunha estación singular.
Nesta rocha, posiblemente en varios momentos distintos, graváronse unha serie de motivos abstractos moi pouco frecuentes: paletas, cadrados puntados, esvásticas e outros, ademais das ubicuas combinacións circulares.
Relacionadas:
-
Cerdedo-Cotobade achega o seu patrimonio rupestre ao alumnado dos centros educativos
Por Redacción |
-
Comezan os labores de limpeza e posta en valor dos petróglifos da Laxe das Rodas, en San Xurxo de Sacos
Por Redacción |
-
Luz verde á restauración dos petróglifos de Fentáns, en Cerdedo-Cotobade
Por Redacción |
-
Comeza a limpeza da contorna dos petróglifos de Fentáns en Cerdedo-Cotobade
Por Redacción |