Autorizan as sondaxes arqueolóxicas na Ferretería Varela onde Pepe Vieira quere montar un asador
Por Oskar Viéitez
O chef Pepe Vieira abrirá un segundo restaurante en Pontevedra. A antiga Ferraxería Varela, na praza de Curros Enríquez, converterase nun asador que terá ás brasas e ao lume como a alma da súa cociña.
O Concello de Pontevedra concedeu licenza para a realización de sondaxes arqueolóxicas neste inmoble que tamén ten entrada pola rúa San Sebastián ademais da rúa Don Gonzalo.
A Xunta de Goberno Local concedeu este luns a licenza urbanística para o "primeiro paso" deste proxecto da afamado estrela Michelín. Un proxecto, como el mesmo explicou a PontevedraViva, dun restaurante "moi ambicioso" e cun "concepto diferente".
Segundo a portavoz do goberno local, Anabel Gulías, "a nós parécenos unha noticia moi positiva porque entendemos que calquera licenza para un negocio no centro histórico é sempre un impulso á dinamización da zona monumental".
Anabel Gulías tamén admitiu que "ao promotor e a nós mesmas gustaríanos que estes trámites administrativos fosen moito máis rápidos" pero engadiu que "pola súa localización" o "posible" descubrimento de restos arqueolóxicos "obríganos a ir con toda a cautela". De feito algo parecido sucedeu nesa mesma cale Don Gonzalo ao Centro de día de Saraiba coas obras no local de Almacéns Rodiño que se viron atrasadas por culpa dos restos atopados.
O novo restaurante que proxecta Pepe Vieira terá dous espazos diferenciados. A planta baixa será un lugar de "tapeo e cañeo desenfadado" con mesas altas e a zona superior, a máis nobre do edificio, a adega e o restaurante.
Entre ambos estará o "corazón" deste proxecto, unha cociña acristalada que se poderá ver desde todo o restaurante e desde a rúa. "Ese é o denominador común dos nosos restaurantes, que a xente poida entrar nas cociñas", destacan os seus responsables.
As circunstancias fixeron que este proxecto, que será a "guinda do pastel" para Pepe Vieira, xuntárase coa rehabilitación do Pazo da Buzaca ne Moraña, que o cociñeiro reservará para vodas e eventos e que "xa está case completo para todo 2022".
Isto provocará que estas celebracións deixen de facerse no restaurante de Raxó, que está en pleno proceso para converterse nun "hotel de natureza", un espazo que "por fin empeza a ser unha realidade" e que fará que Camiño da Serpe "colla máis forza".
Relacionadas:
-
A ferraxería que revivirá como churrasquería: "Queremos que os pantasmas que viven no edificio estén cómodos con esta nova vida"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
A burocracia, último 'escollo' para que Pepe Vieira converta a antiga Ferraxería Varela en asador
Por Alejandro Espiño |
-
A cafetería do Club Naval xa ten inquilinos: reabrirá as súas portas este mesmo verán
Por Alejandro Espiño |
-
Pepe Vieira presenta ao alcalde o proxecto de restaurante que abrirá na antiga Ferraxería Varela
Por Oskar Viéitez |
-
O asador no que Pepe Vieira cociñará "a fuego"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |