Luis Seoane converterase na "gran praza urbana" da Avenida de Vigo
Por Alejandro Espiño
Toda a zona da Avenida de Vigo carecía, segundo o goberno municipal, dunha "gran praza urbana" na que os seus residentes puidesen reunirse. Isto resolverase coa reforma integral prevista nunha das súas rúas transversais, Luís Seoane.
O Concello prevé investir preto de 348.000 euros para converter este vial sen saída nun espazo de convivencia. O proxecto foi presentado onte á noite aos veciños nunha asemblea celebrada no IES Torrente Ballester e, segundo o edil de Mobilidade, Demetrio Gómez, "tivo moi boa acollida".
A actuación busca resolver os "problemas" que, segundo o concelleiro, tiña esta rúa, chea de vehículos mal aparcados que invadían as beirarrúas, pouco espazo peonil, materiais antigos, iluminación deficiente ou redes de pluviais e abastecemento necesitadas de renovación.
A través dun proxecto participativo que comezou hai un ano, os técnicos municipais propoñen habilitar unha plataforma única na primeira metade da rúa, a máis próxima á Avenida de Vigo. Será con formigón continuo adornado con prefabricados e baldosas.
Para sortear o desnivel da praza, de ata 80 centímetros de altura, deseñáronse dúas plataformas, protexidas por varandas, nas que colocará o mobiliario urbano, construído cunha combinación de madeira e aceiro corten, que terá cargadores USB.
Ademais, instalaranse dez novos báculos de luz LED e, na zona xunto a Manuel Colmeiro, colocaranse luces no chan, similares ás do Puente do Burgo.
A terceira fase da reforma sería no "fondo de saco" da rúa. O muro que bloquea a rúa será cuberto por un xardín vertical no que se plantarán dez tipos de flores diferentes e que estará coroado por tiras de luces LED polo chan.
A reforma implicará a eliminación do aparcamento. Demetrio Gómez asegura que na asemblea veciñal decidiuse que era mellor retiralo que habilitar unas cantas prazas, xa que restaría espazo dispoñible para o carácter peonil da rúa.