Luis Seoane completará a súa reforma con plataforma única no último tramo
Por Alejandro Espiño
A rúa Luís Seoane, que entre a Avenida de Vigo e Josefina Arruti xa fora renovada, completará a súa humanización cunha reforma integral do seu último tramo, un vial sen saída.
A intención do goberno municipal é que este tramo da rúa, das poucas que faltan por ser remodeladas nesta zona urbana, teña plataforma única para comodidade dos seus residentes.
O edil de Mobilidade, Demetrio Gómez, explicou que a calzada e as beirarrúas estarán por tanto ao mesmo nivel e en toda a rúa haberá prioridade para os peóns.
Ademais, a reforma proposta polo Concello aposta por crear novos espazos de estancia e revisaranse todas as redes que están soterradas, cambiando as que sexan precisas.
A obra incluirá ademais novo alumado LED en todo o vial e a instalación de mobiliario.
Demetrio Gómez advirte que este proxecto podería sufrir cambios, xa que será presentado a próxima semana aos veciños da zona, para que poidan facer as súas achegas.
Será, previsiblemente, no transcurso dunha asemblea que se celebrará en IES Torrente Ballester.